O vindeiro 15 de outubro, o centro tecnolóxico ITG será o escenario do I Foro Atlántico de Innovación Enerxética en Portos. A xornada, que se desenvolverá na súa sede central en A Coruña (Cantón Grande 9) de 9:30 a 14:00 h, reunirá a diversos axentes do ecosistema portuario e enerxético.
O obxectivo principal é debater sobre as solucións tecnolóxicas, as experiencias e os novos modelos enerxéticos que están a transformar o contorno portuario, impulsando a transición cara a portos máis sostibles e eficientes. Tamén se abordará o papel da enerxía na competitividade futura destes espazos e a influencia da evolución do marco regulatorio.
A xornada estruturarase en catro paneis temáticos. O primeiro analizará os mercados, custos e oportunidades enerxéticas para os portos do futuro. O segundo panel centrarase nas novas solucións enerxéticas emerxentes. O terceiro revisará os cambios regulatorios que afectan ao sector portuario, mentres que o cuarto panel servirá para compartir experiencias e retos na transición enerxética.
Ademais, o foro acollerá o acto de peche da iniciativa ENEPORTS, liderada polo ITG, cuxos resultados se presentarán durante a sesión. A análise das oportunidades que ofrece a innovación enerxética para a transformación portuaria e unha pausa café facilitarán o intercambio de experiencias e a xeración de novas oportunidades de colaboración entre os asistentes.




