O Concello de Culleredo levará a cabo os traballos de asfaltado durante a vindeira semana, previstos entre o luns 23 e o venres 27 de novembro, en horario de 22:30 a 6:30 da mañá. Esta actuación busca reducir as molestias á circulación dunha das vías principais do municipio.
A pavimentación realizarase progresivamente en ambos os carrís, o que implicará a regulación do tráfico con semáforos e restricións temporais no acceso aos garaxes. A execución avanzará dende a zona superior cara á inferior da avenida.
Esta fase das obras, cun investimento de 798.210 euros, dá continuidade á modernización deste tramo da avenida de Vilaboa, comprendido entre a AP-9 e a rúa Luís Seoane. Xa son visibles as melloras nas beirarrúas, servizos e iluminación.
O investimento total nas distintas fases de modernización da avenida de Vilaboa roza os 3 millóns de euros. O proxecto tamén inclúe outras melloras urbanas no municipio, como a segunda fase da rúa Domingo Serra, xa adxudicada.




