A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Concello de Abegondo asinaron un convenio de colaboración para completar a segunda fase do sistema de saneamento destas parroquias. A actuación conta cun investimento de 1,53 millóns de euros, cofinanciado nun 80% pola Xunta e nun 20% polo Concello.
O proxecto inclúe a execución de 14 tramos de colectores soterrados cunha lonxitude aproximada de 2.417 metros, así como dun pozo de bombeo e dunha nova impulsión de 372 metros ata a infraestrutura existente. Estímase que este sistema dará servizo a uns 430 habitantes no horizonte de 2046.
Esta intervención, que tamén conta con cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), é a continuación dos traballos iniciados en 2021 na zona norte, que tiveron un orzamento de preto de 800.000 euros.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, destacou que estas accións exemplifican a colaboración entre administracións para impulsar infraestruturas hidráulicas necesarias e construír un territorio máis resiliente. A Xunta mantén unha política activa de apoio aos concellos con financiamento e soporte técnico para proxectos de gran envergadura.
Esta actuación forma parte dun conxunto de 11 proxectos impulsados pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, cun investimento global superior aos 7,5 millóns de euros para mellorar os servizos básicos de auga no rural.




