A guía, que conta con 70 páxinas, achega información renovada sobre o municipio, destacando a crecente importancia do Camiño de Santiago e a súa repercusión na localidade. A presentación oficial terá lugar este venres ás 20:30 horas no auditorio da casa da cultura, coa presenza do alcalde, Ángel Leis; o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; o autor, Amancio Liñares; e a exdocente Clara Rodríguez.
Baixo o lema 'Serán Xacobeo', a publicación preséntase en galego e castelán, e inclúe tamén resumos en inglés, francés, portugués, italiano e alemán. Segundo o seu autor, Amancio Liñares, esta edición non é tan extensa como a de 1999 nin tan sintética como a de 2009, pero ofrece unha visión actualizada.
Os datos demográficos e económicos foron actualizados dende 2009, e o apartado gráfico correu a cargo das profesionais locais de Abraham Fotógrafas. A guía tamén subliña o crecemento en albergues e a inclusión de Negreira entre os pobos máis bonitos pola Ponte Maceira, así como os novos miradoiros de Sopenas e o do Cotro.




