O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, asistiu en Lobios (Ourense) á apertura da reunión das Unidades de Coordinación do programa POCTEP (Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal). Nesta xuntanza participan as comunidades autónomas e rexións portuguesas da zona de fronteira, xunto co Ministerio de Facenda español e a Agència para o Desenvolvimento e a Coesão portuguesa.
Este encontro coincide co lanzamento da décima convocatoria do programa, que prevé un investimento mínimo de 28 millóns de euros. Desta cantidade, 21 millóns proceden de fondos INTERREG.
A convocatoria estará aberta desde hoxe, 29 de setembro de 2026, ata as 14:00 horas do martes 17 de novembro. Poderán concorrer a ela administracións públicas, entidades locais, universidades, centros tecnolóxicos, fundacións, institutos de investigación, empresas, cámaras de comercio e agrupacións europeas de cooperación territorial de toda a área do programa POCTEP, incluíndo o territorio galego.
Esta nova convocatoria súmase á novena, xa en marcha e destinada a entidades xestoras de fondos de pequenos proxectos cunha dotación de 10 millóns de euros. A data límite para participar nesta novena convocatoria é o 21 de outubro.




