A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas Vázquez, rubricaron hoxe en San Caetano o acordo de colaboración para a execución das obras de mellora do acceso ao Mercado do Xurés. A actuación suporá un investimento conxunto de 268.050,12 euros.
O proxecto, que se enmarca no Plan Hurbe da Xunta, ten como obxectivo a creación dun novo espazo público na rúa Camiño Campo da Feira e as parcelas adxacentes. Renovarase e soterrarán os servizos urbanos e repoñeranse os pavimentos afectados.
A intervención busca mellorar a actual vía, que carece de beirarrúas e dunha senda peonil clara. O ensanche incorporará unha beirarrúa con acabado en lastro gris e os accesos necesarios a garaxes e leiras.
A Xunta de Galicia achegará o 70% do orzamento, preto de 188.000 euros, e tamén se encargará de contratar e executar as obras. O Concello de Bande asumirá o 30% restante, algo máis de 80.000 euros, e o mantemento posterior.
Esta colaboración enmárcase na liña de apoio da Xunta ás administracións locais para a mellora de contornas urbanas, accesibilidade e equipamentos públicos, co fin de promover o desenvolvemento dos núcleos rurais e o reequilibrio territorial.




