A Consellería do Mar e a Asociación de Comercializadores de Peixe de Vigo (ACOPEVI), que agrupa 36 empresas e representa uns 3.500 empregos, exploraron novas fórmulas de colaboración para fortalecer o sector pesqueiro na cidade. A reunión, celebrada hoxe en Vigo, serviu para coñecer de primeira man as propostas e inquietudes da entidade.
A conselleira Marta Villaverde destacou o papel fundamental das empresas comercializadoras na cadea de valor dos produtos do mar, facilitando a súa chegada aos mercados e contribuíndo á economía do Porto de Vigo. Tamén se tratou a promoción do sector e a colaboración para o 50º aniversario de ACOPEVI, que se constituíu en 1977.
A entidade considera esta efeméride unha oportunidade para visibilizar a traxectoria das súas empresas e a súa achega ao desenvolvemento pesqueiro de Vigo e de Galicia. A Consellería do Mar amosou a súa disposición a manter unha interlocución fluída e estudar as propostas para avanzar na profesionalización e competitividade do sector.




