Entre os desafíos sinalados polo conselleiro atópanse as dificultades para cubrir vacantes, a necesidade de adaptar a formación ás demandas produtivas, a atracción e retención de talento e a remuda xeracional.
González salientou o novo Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029, froito do acordo entre a Xunta, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e UGT-Galicia. O plan inclúe 37 medidas destinadas a reforzar a prevención, mellorar o clima laboral e facilitar a reincorporación tras unha baixa.
As actuacións previstas inclúen o reforzo do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), medidas para mellorar o clima laboral e o programa Coida Peme, que ofrecerá servizos de atención psicolóxica e musculoesquelética para o persoal das empresas. Tamén se apoiará a substitución de traballadores en microempresas e autónomos durante baixas de longa duración.
O conselleiro incidiu na importancia de que as políticas de benestar laboral teñan en conta as necesidades das pequenas e medianas empresas, fundamentais para o tecido produtivo.
Reiterou a vontade da Xunta de seguir traballando coas organizacións empresariais, a través do diálogo e a cooperación, para avanzar en solucións que contribúan á competitividade empresarial e á mellora das condicións laborais.




