A xornada Comunica en galego, promovida pola Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo co patrocinio da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, centrouse este ano na creación de contidos profesionais e en lingua galega para redes sociais. O evento permitiu coñecer diferentes proxectos divulgativos en ámbitos como a arte, a música, a literatura ou os municipios galegos.
A decana, Emma Torres, salientou a necesidade de "creadores e creadoras de contido, profesionais e con conciencia de que o que están facendo ten unha repercusión fundamental na sociedade". Torres tamén reivindicou a importancia da formación en comunicación para manexar "un produto tan específico" e subliñou o compromiso da facultade co idioma galego, lembrando que "a comunicación está creando a sociedade".
A xornada contou coas intervencións de Candela Battiato, que presentou o proxecto @sonsdecande sobre murais no rural galego; Paula Cantelar, xornalista de La Sexta, que falou do proxecto @trescentostrece para percorrer os 313 municipios de Galicia; Blanca Navarrete, centrada na música en galego co seu perfil @luvvblancaa; e Raúl Salgueiro, co proxecto de divulgación literaria en galego Raulillo de Bolsillo.
“"Non é necesario ter unha titulación de comunicación para crear contido, pero nós imos reivindicar que é necesario ter formación en comunicación para manexar un produto tan específico"
Os relatores, todos eles profesionais da comunicación formados nas tres universidades públicas galegas, compartiron as súas experiencias e animaron ao alumnado a utilizar as redes sociais para divulgar contidos en galego, destacando o seu papel na proxección da cultura, o territorio e a identidade galega, así como na integración do idioma no día a día.




