O conselleiro de Educación, Ciencia e Universidades, Román Rodríguez, e o presidente de Agacose, Pablo Lariño, analizaron a implantación deste ciclo formativo de grao superior, que se imparte de xeito compartido entre o centro educativo e as empresas pertencentes á asociación.
Esta nova modalidade formativa, que arrinca este curso 2026/27, xa ten cubertas todas as prazas ofertadas, cun total de 30 persoas matriculadas. A formación inclúe unha especialización en Seguros, respondendo á necesidade de perfís altamente cualificados no sector.
O convenio de colaboración entre a Consellería e Agacose, vixente durante catro cursos, permite que o alumnado reciba formación teórica no instituto e práctica nas instalacións das corredurías asociadas. Actualmente, 12 corredurías xa teñen asignado un estudante e outras seis colaboran pendentes de asignación.
As titulacións de alta especialización son unha iniciativa que Galicia comezou a implantar de forma exclusiva no curso 2023/24, configuradas como proxectos de FP Dual Intensiva que complementan o currículo con formación especializada adicional.




