A presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra Fernández, e o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema Rodicio, invitan á presentación desta obra que se enmarca no Día da Ciencia en Galicia 2026.
O evento rende homenaxe a Aida Fernández Ríos (1947-2015), científica titular do IIM-CSIC e quen foi a primeira muller en dirixir o instituto entre 2006 e 2011. A súa carreira investigadora centrouse nos cambios físico-químicos dos océanos, a súa relación co clima, e os efectos da acidificación mariña nos organismos.
Participarán na presentación Beatriz Novoa García, directora do IIM-CSIC; Juan Lema Rodicio, presidente da Real Academia Galega de Ciencias; e Dolores Vilavedra Fernández, presidenta do Consello da Cultura Galega.
Posteriormente, ás 12:30 horas, terá lugar unha mesa redonda moderada por Gabriel Rosón Porto, catedrático da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo e coordinador do libro xunto a Fiz Fernández Pérez. Intervirán tamén Miguel A. Fernández Fernández, sobriño de Aida Fernández Ríos; Carmen González Castro e José Luis Garrido Valencia, ambos investigadores científicos do IIM-CSIC.
O acto concluirá ás 13:00 horas coa intervención de Carmen González Sotelo, delegada institucional do CSIC en Galicia.




