O incremento do consumo de alimentos procesados e ultraprocesados, con maiores contidos de azucres, sal e graxas saturadas, está a contribuír a elevar as cifras da obesidade infantil, que xa é o trastorno nutricional e metabólico máis frecuente na idade pediátrica. Conscientes desta problemática, oito profesoras do grupo de investigación Food and Health Omics da Universidade de Vigo poñen en marcha a segunda edición do proxecto Aprendo a ler o que como. Seguimos formando consumidores responsables dende a aula.
Este proxecto, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) e apoiado pola Deputación de Ourense, o Concello de Ourense e asociacións de nais e pais, busca previr a obesidade infantil desde idades temperás. As profesoras, docentes do Grao de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos no campus de Ourense, afirman que a participación destes colectivos reflicte o interese social na materia.
O proxecto desenvolverase ao longo deste curso académico 2026-2027 en diferentes centros educativos de Educación Primaria da provincia de Ourense, tanto da cidade como da contorna rural. O período de inscrición para os centros interesados xa está aberto a través da web do grupo de investigación Food and Health Omics.
A iniciativa proporcionará formación tanto aos nenos e nenas como ás súas familias para consolidar bos hábitos alimentarios na contorna familiar. Realizaranse obradoiros prácticos para ensinarlles a identificar azucres, graxas saturadas, sal e estimulantes nos ingredientes, e a ler a táboa de información nutricional para escoller alimentos procesados máis saudables. A formación das familias combinará canles virtuais e charlas-coloquio presenciais.
Ao finalizar a formación, levaranse a cabo dúas actividades familiares para potenciar a interacción e a adherencia ao programa. Destaca un concurso provincial na Facultade de Ciencias, con premios de 300 euros e 150 euros para as familias gañadoras de talleres sobre azucres engadidos, graxas saturadas e snacks/bebidas isotónicas.
Na primeira edición, desenvolvida no curso 2023-2024, participaron oito centros educativos e formáronse 850 nenos e nenas. Nesta edición, o proxecto aspira a chegar aos 1500 nenos e nenas, ampliando o número de colexios participantes.




