O proxecto Airis, financiado cun total de 568.906,62 euros pola convocatoria de colaboración público-privada 2023 da Agencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e con fondos da Unión Europea NextGeneration, ten como obxectivo dixitalizar e automatizar a inspección das infraestruturas ferroviarias. A iniciativa, que se desenvolve desde 2023, conta co grupo de Sistemas Aeroespaciais e de Transporte-Aerolab da UVigo e coordínase polo profesor e investigador Higinio González.
Na apertura da xornada celebrada no edificio Politécnico, a vicerreitora do campus de Ourense, Monserrat Cruz, puxo en valor o traballo realizado nunha temática no foco de atención pública como é a seguridade ferroviaria, salientando a importancia da transferencia real do coñecemento xerado nas universidades. Pola súa banda, Antonio Baamonde, responsable de implantación BIM de Copasa, cualificou á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo como un "aliado superestratéxico" da empresa, tras seis anos de colaboración que inclúen tamén o proxecto anterior RIIM.
Os resultados do proxecto destacan a mellora significativa na eficiencia das operacións de mantemento ao reducir a dependencia das revisións manuais e incrementar a frecuencia de avaliación da infraestrutura. Os sistemas desenvolvidos permiten a identificación máis rápida de incidencias susceptibles de evolucionar cara a defectos críticos. Entre os cinco principais resultados, destaca o deseño dunha arquitectura intelixente de inspección capaz de recibir información de sensores ópticos embarcados en dresinas, así como a integración de tecnoloxías LiDAR para a caracterización tridimensional da vía.
O sistema demostrou capacidade para identificar automaticamente distintos problemas de mantemento, como gretas en travesas, ausencia de parafusos ou clips, alteracións na xeometría do balastro e presenza de elementos alleos. Ademais, o proxecto logrou o procesamento da información en tempo real directamente a bordo dos vehículos de inspección, mantendo capacidades operativas a velocidades de ata 75 km/h e xerando alertas automáticas. A iniciativa consolidou unha metodoloxía baseada na monitorización continua para a implantación de estratexias de mantemento preditivo.
“"Son xa seis anos de traballo conxunto con resultados concretos e aplicables á mellora nun ámbito tan relevante como o ferroviario."
Na fase final do proxecto, o equipo da UVigo traballa agora na súa continuación coa busca de socios tecnolóxicos de cara a avanzar cara a industrialización do prototipo desenvolvido.




