Durante a súa intervención, a titular de Mar incidiu na necesidade de achegar ás novas xeracións as oportunidades laborais que ofrece o sector marítimo-pesqueiro. Villaverde definiu este ámbito como unha opción profesional "moderna, tecnolóxica e viable" e instou ao alumnado de Bacharelato, Formación Profesional e universitario a coñecer de primeira man as saídas vinculadas á cadea mar-industria.
A conselleira referiuse á formación especializada como unha vía clave para facilitar a incorporación de novos profesionais. Na actualidade, un total de 486 alumnos cursan estudos nos catro centros dependentes da Consellería do Mar: o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, as escolas oficiais náutico-pesqueiras de Ferrol e Ribeira e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), na Illa de Arousa.
“"A mocidade galega ten que saber e comprobar, sobre o terreo, que o mar non é o pasado"
Villaverde tamén aludiu á importancia da Formación Profesional Dual, que permite ao alumnado das escolas de Vigo, Ferrol e Ribeira completar a súa aprendizaxe cun período de prácticas de arredor de 500 horas a bordo de buques pesqueiros. Así mesmo, mencionou os instrumentos de financiamento destinados a facilitar o embarque formativo e a primeira adquisición dunha embarcación por parte de mozos pescadores.
A responsable autonómica referiuse á necesidade de avanzar na simplificación dos trámites administrativos, facilitar o acceso ao financiamento comunitario e abordar a renovación da frota para mellorar as condicións de vida e de traballo a bordo. Cuestións que vinculou á revisión da Política Pesqueira Común (PPC) e á necesidade de contar cun instrumento financeiro específico para a pesca e a acuicultura no próximo marco financeiro plurianual da Unión Europea.
“"Non podemos esixirlles aos mozos que miren ao mar se as administracións non lles facilitamos as cartas de navegación"
O foro reúne durante dúas xornadas a profesionais do ámbito marítimo-portuario e preto de medio cento de estudantes de distintos centros educativos. Nesta primeira sesión abordáronse cuestións como o emprendemento e as fórmulas de financiamento, as novas oportunidades no mercado laboral e a axilización da formación e das homologacións.




