Os galardóns, celebrados en colaboración co Colexio de Economistas de Ourense, recoñeceron un estudo sobre criptomoedas e outro sobre o fútbol feminino profesional. O acto contou coa presenza de autoridades académicas e institucionais, como Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense, e Jesús Vázquez, decano da Facultade.
O primeiro premio foi para Noa Bernárdez polo seu TFG "Criptomoedas: análise comparativa de rendabilidade e risco entre bitcoin, ouro e bolsa". O traballo analiza o comportamento do bitcoin como activo financeiro fronte a activos tradicionais, avaliando a súa eficiencia nunha carteira de investimento. Bernárdez sinala que o bitcoin "presenta unha elevada capacidade xenerativa de rendibilidade en fases positivas do mercado, pero tamén maior nivel de risco en períodos de incerteza e inestabilidade".
O accésit foi para Natalia Cervelo polo seu traballo "Análise económica e competitiva do fútbol feminino profesional: comparación entre a Liga F e a Women´s Super League". Cervelo explica que o fútbol feminino "atópase nunha etapa de crecemento continuo pero aínda hai bastantes diferenzas económicas importantes". O estudo comparou a situación económica de ambas as ligas, concluíndo que a WSL ten "moita máis capacidade económica e unha distribución moito máis equilibrada entre os clubs" que a Liga F.
Antes da entrega, celebrouse a conferencia "Comunicar na era da IA. Empresas, marcas e persoas", impartida por María Álvarez Gómez, directora xeral da axencia de medios DentsuX España. A actividade, organizada polo grupo de investigación GEN e a Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, explorou a evolución do uso da intelixencia artificial por parte de marcas e consumidores.




