A oitava edición dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga recoñeceu 13 traballos realizados por persoal docente e investigador e alumnado da Universidade de Vigo. Estes galardóns, cunha dotación total de 12.000 euros, buscan estimular o esforzo da comunidade universitaria nas liñas de especialización do Campus Auga, unha iniciativa financiada pola Xunta de Galicia.
Na categoría de transferencia e divulgación, o premio foi para o curso 'Iber como ferramenta para a Confederación Hidrográfica Miño-Sil'. O traballo foi desenvolvido polos investigadores do grupo CIM EPhysLab: Diego Fernández, Moncho Gesteira, María Teresa de Castro, Orlando García, José González Cao e Helena Barreiro.
A formación centrouse na modelización hidráulica e hidrolóxica co modelo hidrodinámico Iber, abordando os seus fundamentos, o manexo da interface e aplicacións prácticas, así como ferramentas auxiliares como o sistema de información xeográfica QGIS.
O CIM conta co recoñecemento Cigus da Xunta de Galicia e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Feder-21-27.




