A iniciativa, liderada pola profesora Rocío Carballo, combina sesións formativas e prácticas coa xeración de materiais audiovisuais que poderán ser empregados tanto na docencia universitaria como no ensino obrigatorio. O obxectivo é que o futuro profesorado coñeza, practique e traslade o baile tradicional galego ás aulas como recurso motriz, expresivo, cultural e inclusivo.
Este proxecto, seleccionado na convocatoria de innovación educativa da facultade, conta cun equipo interdisciplinar de sete investigadores do centro e catro colaboradores externos. Busca promover unha maior visibilidade da cultura tradicional galega como contido educativo e ferramenta de expresión corporal, reforzando as competencias do alumnado en expresión corporal, traballo cooperativo e educación patrimonial.
A metodoloxía é activa, participativa e vivencial, onde o alumnado aprende bailando e colaborando na xeración de materiais audiovisuais. O proxecto, titulado O baile tradicional galego na formación inicial do profesorado: unha proposta lúdica e audiovisual desde a Educación Física, arrancou coas sesións impartidas polo profesor Uxío Leira, especialista na materia.
A produción audiovisual é un elemento central, utilizando gravación multicámara e un dron para captar explicacións, movementos e interaccións do alumnado. Xéranse vídeos breves con explicacións, demostracións, referencias culturais e propostas de uso educativo.
Estas pílulas, dispoñibles en UVigo TV, servirán como material de apoio na segunda fase do proxecto, que se desenvolve este cuadrimestre co alumnado do Grao en Educación Primaria. Incluirá formación práctica e unha conferencia para reflexionar sobre as posibilidades educativas do baile tradicional galego.
O proxecto completarase cunha avaliación para coñecer o impacto da experiencia no interese, coñecemento e competencia percibida do alumnado participante.




