A participación do SERGAS, a través da súa área sanitaria de Vigo e de ACIS, subliña a importancia da colaboración entre Galicia e o norte de Portugal para abordar os desafíos do envellecemento da poboación. O encontro celebrouse os días 9 e 10 de novembro no marco da terceira edición da Future Health Conference, baixo o lema «Saúde dixital e envellecemento».
A conferencia, organizada pola Universidade do Porto en colaboración con Porto4Ageing, reuniu a profesionais, investigadores e institucións para compartir coñecementos sobre o papel das tecnoloxías dixitais na mellora da calidade de vida das persoas maiores e na transformación dos sistemas sanitarios.
A delegación galega estivo encabezada por José María Romero, director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria de ACIS, e María Pintos, xefa de sección da mesma área. Tamén acudiu Irene Illescas, xestora do proxecto Innov4life na área sanitaria de Vigo.
No marco deste proxecto transfronteirizo, habilitouse no hospital Meixoeiro de Vigo o primeiro Living Lab de Saúde de Galicia. Este espazo está destinado á experimentación e validación de solucións innovadoras en contornas reais do sistema sanitario público, cunha especialización no ámbito das demencias e deterioracións cognitivas, e encádrase na Rede de Living Labs de Saúde de Galicia (LABSAÚDE).
O proxecto Innov4life, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, conta cunha dotación global de 1,5 millóns de euros.




