A Área de Microbioloxía e o grupo de innovación docente Mundo Microbio da Universidade de Vigo promoven iniciativas para concienciar sobre a resistencia microbiana aos antibióticos. Este mes de novembro, o campus de Ourense acolle unha exposición e unha xornada sobre esta problemática, coincidindo coa Semana Mundial de Concienciación sobre a Resistencia aos Antimicrobianos.
A exposición, titulada A ameaza das bacterias multiresistentes aos antibióticos, consta de 14 paneis divulgativos e visuais que abordan a cuestión desde diferentes perspectivas, incluíndo a situación no ámbito agrícola e hospitalario, alternativas aos antibióticos e a contribución cidadá. Esta mostra, orixinaria da Universitat de València e traducida ao galego polo alumnado da UVigo, estará aberta ata decembro na entrada do Edificio Politécnico, e cada ano percorre centros educativos para concienciar a estudantes de Secundaria e Bacharelato.
Ademais, este venres celebrarase a oitava edición da Xornada de concienciación sobre o uso dos antibióticos, coordinada polas profesoras María José Pérez e Julia Carballo. A xornada incluirá intervencións sobre a relación entre antibióticos, alimentos e saúde, a presenza de antibióticos no medio ambiente, e o proxecto de divulgación MicroMundo@UVigo: DivulSuperBac, onde alumnado universitario e escolar busca novos antibióticos.
Estas actividades súmanse á conmemoración global da Semana Mundial de Concienciación sobre a Resistencia aos Antimicrobianos, que busca promover a comprensión e a acción para atallar a aparición e propagación de infeccións farmacorresistentes. A campaña deste ano, baixo o lema Unha soa saúde, unha soa acción: previr a RAM xa, subliña a responsabilidade compartida na prevención da resistencia antimicrobiana.




