As V Xornadas Internacionais de Xenética en Acuicultura (JIGA-V) arrancaron o luns na Ecimat, principal infraestrutura de investigación do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo. O evento, impulsado pola Rede Internacional Seasos (Simbiose Eurolatina para a Acuicultura Sostible), ten como obxectivo fortalecer a colaboración entre equipos científicos multidisciplinares e promover solucións para unha acuicultura máis resiliente e respectuosa cos ecosistemas, baixo o enfoque One Health.
O acto de inauguración institucional contou coa presenza do vicerreitor de Investigación da Universidade de Vigo, Manuel Martínez; a directora do CIM, Elsa Vázquez; o director da Ecimat, Damián Costas; e a secretaria da Facultade de Ciencias do Mar e investigadora do CIM, Estefanía Paredes. A organización das xornadas está presidida polo investigador do CIM Pablo Presa, membro tamén do comité organizador xunto aos equipos da rede en Perú (Universidad Jorge Basadre Grohmann), Chile (Universidad Arturo Prat) e España.
“"Esta frutífera cooperación, liderada por tres países, ten tamén como obxectivo atraer novos socios para reforzar a Rede Seasos. Mostra diso é a incorporación, nesta quinta edición das xornadas, da universidade chilena de Antofagasta e do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC)."
O programa científico desenvólvese arredor de tres eixos temáticos: innovación, benestar animal e biodiversidade. A xornada do martes estivo dedicada á innovación, coa presentación de experiencias internacionais de diversificación produtiva, acuaponía e cultivo experimental. Destacaron investigacións sobre técnicas de diagnóstico de cancros transmisibles en bivalvos, o aproveitamento de microalgas para eliminar contaminantes e o potencial de diferentes organismos para unha produción sostible.
A xornada do mércores centrouse no benestar animal e a biodiversidade. Abordáronse temas como a ética na acuicultura española, a susceptibilidade das especies a enfermidades, o papel da microbiota intestinal e indicadores fisiolóxicos de benestar en atúns criados en catividade. Pola tarde, o foco trasladouse á conservación da biodiversidade mariña, as aplicacións da xenética na conservación e a influencia das condicións xeoquímicas ambientais.
As xornadas inclúen tamén sesións de presentación de paneis científicos sobre a diversidade xenética de especies de interese acuícola, as enfermidades dos moluscos, a identificación de especies de zooplancto na ría de Vigo e o desenvolvemento de ingredientes funcionais para a alimentación de peixes.




