O obxectivo é dar unha nova vida ás redes e aparellos de pesca e acuicultura, evitando que estes residuos acaben no medio mariño. O encontro, organizado polo grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab da UVigo, busca establecer as bases dun modelo que facilite a xestión destes aparellos ao final da súa vida útil, reducindo o seu abandono e favorecendo a recuperación dos materiais plásticos e metálicos que os compoñen.
A xornada, de carácter participativo, facilita a posta en común das necesidades e propostas dos distintos elos da cadea de valor. Produtores e importadores, considerados actores fundamentais, participan xunto con entidades vinculadas ás actividades pesqueira, acuícola e mariña. A través de dinámicas de traballo, abórdanse cuestións como a recollida, o tratamento e a valorización dos residuos, así como o funcionamento do futuro modelo.
A Universidade de Vigo ten un dobre papel neste proceso: facilitar as actividades de participación e analizar o deseño colectivo do sistema. Espérase obter un modelo detallado, unha guía para a súa constitución e unha análise da súa viabilidade, ademais de propostas de ecomodulación de tarifas e un marco de gobernanza.
O proxecto, promovido pola Fundación Economía Circular, Aimplas, a Asociación Vertidos Cero e a Universidade de Vigo, conta cun orzamento de 400.000 euros. Está financiado pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico a través do Programa Pleamar e cofinanciado pola Unión Europea mediante o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
O traballo continuará o 30 de outubro en Valencia, onde se celebrará un novo encontro dentro deste proxecto de ámbito nacional.




