O programa Sinerxía concentrará as distintas accións didácticas que promoven as consellerías da Xunta nos centros escolares para afondar en temáticas de interese, aliñadas co currículo educativo. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP lembrou que os centros teñen de prazo ata este venres para participar na primeira convocatoria desta iniciativa, que busca impulsar proxectos educativos interdisciplinarios que favorezan a aprendizaxe competencial e a participación activa do alumnado.
Cada centro poderá participar nun máximo de cinco programas dentro de seis ámbitos temáticos: educación artística e patrimonial, educación para a igualdade e a cidadanía, educación intercultural e internacional, educación en lingua e comunicación, educación en hábitos de vida saudables, e educación para a sostibilidade. Estes ámbitos buscan fomentar a creatividade, a identidade cultural, a convivencia, os valores democráticos, o respecto á diversidade, a expresión oral e escrita, o benestar físico e mental, e a conciencia ambiental.
A través de Sinerxía fomentarase a innovación pedagóxica, a colaboración entre disciplinas e o traballo en rede entre centros. Promoverase o intercambio de experiencias e boas prácticas para consolidar unha cultura de cooperación e mellora continua, reforzando así a calidade do ensino.
Este novo programa toma o relevo do Plan Proxecta+, que durante máis dunha década consolidou a innovación educativa. Sinerxía busca un modelo máis integrado e coordinado para a formación dunha cidadanía crítica, responsable e comprometida cos valores democráticos e a sostibilidade.




