Desde o derrube rexistrado o pasado 4 de febreiro, non se adoptaron medidas concretas para protexer ou restaurar este enclave de alto valor ecolóxico. A asociación ecoloxista ZOA alerta de que a duna perdeu por completo a súa fronte primaria e sufriu danos significativos na súa estrutura secundaria, o que a deixa nunha situación de extrema fraxilidade.
“"O risco xa fora advertido en múltiples ocasións e estaba vinculado á instalación dun cerramento destinado a impedir o acceso de animais nunha praia habilitada como espazo canino. Esta intervención era incompatible coa dinámica natural do sistema dunar."
Segundo o colectivo, a actuación posterior ao derrube tampouco resultou eficaz. O novo valado instalado, aínda que máis respectuoso coa contorna, non impide o acceso de cans, o que evidencia a dificultade de compatibilizar o uso recreativo como praia canina coa conservación ambiental. A isto súmase a falta de actuacións básicas, xa que os restos do antigo cerramento continúan sobre a duna e non consta a realización dun informe técnico que avalíe o estado do sistema nin determine as medidas necesarias para a súa recuperación.
A asociación asegura ter remitido varios escritos ás administracións local, autonómica e estatal solicitando unha intervención urxente, sen ter recibido resposta. Coincidindo co terceiro mes desde o colapso, presentou un novo requirimento para reclamar actuacións inmediatas. Mentres tanto, o deterioro continúa, e os expertos advirten que a degradación dos sistemas dunares, que cumpren unha función clave como barreira natural fronte á erosión costeira e os efectos do cambio climático, pode ter consecuencias difíciles de reverter se non se actúa a tempo.




