O Cintecx da Universidade de Vigo impulsa a iniciativa 'Científicas en Viñetas: Heroínas da Enxeñaría e da Tecnoloxía', financiada pola convocatoria de axudas para a sensibilización en materia de xénero de 2026. O proxecto busca achegar á sociedade referentes femininos en enxeñería e tecnoloxía a través de historias gráficas.
O cómic recupera as traxectorias de mulleres que superaron barreiras en campos tradicionalmente masculinizados, converténdoas en protagonistas e referentes STEM. Esta iniciativa dá continuidade ao traballo do centro en visibilizar as mulleres no ámbito científico e tecnolóxico, adoptando agora o formato da viñeta ilustrada como ferramenta de divulgación.
As protagonistas son tres enxeñeiras de diferentes épocas: Norah Magero, enxeñeira mecánica kenyana experta en enerxías renovables e creadora da solución de refrixeración portátil VacciBox; Beatrice Hicks, pioneira da enxeñería estadounidense no século XX e cofundadora da Society of Women Engineers; e Elisa Leonida Zamfirescu, unha das primeiras enxeñeiras de Europa cunha extensa traxectoria en investigación.
A presentación oficial do cómic terá lugar o próximo 6 de novembro durante a Xornada de Ciencia Aberta de Cintecx, que se celebrará no Tinglado do Porto de Vigo. A xornada, aberta ao público de 17:00 a 20:00 horas, incluirá tamén actividades e demostracións científicas.
O cómic estará dispoñible en formato dixital na web de Cintecx, na sección de Igualdade. Tamén se poderán solicitar exemplares físicos a través do correo electrónico cintecx@uvigo.gal.




