A xornada, aberta a investigadores, empresas e profesionais vinculados á innovación, presentou os obxectivos e requisitos desta iniciativa. O programa busca conectar solucións biotecnolóxicas validadas coas necesidades da industria para facilitar a súa chegada ao mercado, mediante o contacto con empresas tractoras.
A apertura institucional contou coa participación de Ángeles López Lozano, directora técnica da Oficina de I+D da UVigo; Noa Caramés, xestora do CINBIO; e Pablo Quinteiro Bernal, en representación de Bioga.
A primeira edición de BioTrack céntrase no reto "Solucións innovadoras para unha bioeconomía saudable e sostible", buscando proxectos nas áreas de biotecnoloxía aplicada á produción e alimentación sostibles, novas vías de valorización e tecnoloxías habilitadoras para a biomedicina e o desenvolvemento de fármacos.
A convocatoria para participar está aberta ata o 30 de outubro. Seleccionaranse ata oito proxectos que terán acceso a mentorización especializada, formación, conexión con investidores e a posibilidade de desenvolver probas de concepto con empresas do sector. Ademais, poderán optar a axudas económicas de ata 30.000 euros por proxecto.




