O proxecto Mariscando conCiencias, desenvolvido ao longo de 2025 e 2026, chega ao seu fin este venres cunha xornada aberta ao público na praia de Cesantes, en Redondela. A iniciativa busca poñer en diálogo ciencia, coñecemento tradicional e creación artística para imaxinar futuros sostibles para o marisqueo a pé na enseada de San Simón, abordando os retos actuais e as expectativas do sector.
A iniciativa foi coordinada pola cooperativa galega Cidadanía e contou coa participación do grupo Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, a asociación de turismo mariñeiro Amarturmar, o colectivo artístico Artelixo e o Concello de Redondela. O proxecto foi financiado pola Fundación Daniel e Nina Carasso.
O traballo partiu da preocupación das propias mariscadoras polo futuro dun oficio tradicional e feminizado, especialmente exposto ás transformacións ambientais do medio mariño. O obxectivo foi conectar diferentes formas de coñecemento para comprender os cambios na actividade e imaxinar colectivamente alternativas.
A achega científica do Future Oceans Lab centrouse nos efectos do cambio climático e outras alteracións ambientais nos sistemas socioecolóxicos mariños, como o aumento da temperatura da auga, episodios de chuvias torrenciais e a contaminación, factores que contribúen á mortalidade dos bivalvos.
Esta perspectiva combinouse coa experiencia das mariscadoras, consideradas coñecedoras do territorio e dos cambios nos bancos marisqueiros. No marco do Laboratorio MARabismo, impulsado polo Future Oceans Lab, traballouse na construción de posibles escenarios de futuro para a pesca artesanal local.
O proxecto tamén achegou o marisqueo á cidadanía, con máis dun cento de escolares e adultos participando en actividades como o coñecemento de ferramentas e técnicas, a busca de especies no areal e accións de limpeza do litoral.
A dimensión artística foi outro dos piares, explorando novas formas de representar as relacións entre as comunidades costeiras e o medio mariño a través da fotografía, a creación con materiais reciclados e outras propostas. Parte dos residuos recollidos nas praias transformáronse en pezas artísticas no marco de Artelixo 2026, baixo o lema ‘Ata aquí chegaba o mar!’.
Destaca tamén A Beira, unha peza de danza contemporánea creada a partir do traballo con mariscadoras da enseada de San Simón e bailarinas galegas, coordinada pola investigadora e bailarina Xochitl Édua Elías Ilosvay. A proposta utiliza o corpo e o movemento para conectar o traballo físico das mariscadoras coa memoria do territorio e a reflexión sobre o futuro do mar.
A xornada de clausura en Cesantes contou coa participación da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, entre outros. Presentáronse a peza de danza e as creacións artísticas, e pola tarde celebrouse unha mesa redonda sobre os retos actuais do marisqueo con representantes do sector, ademais dun obradoiro familiar de creación artística con lixo mariño.




