A campaña ‘Este edificio quéntase con biomasa’, promovida polo Clúster da Biomasa de Galicia co apoio da Xunta, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), busca pór en valor o uso da biomasa por parte de empresas e institucións galegas. Nesta xornada presentouse a iniciativa en Santiago de Compostela e entregáronse distincións aos primeiros edificios acreditados, entre os que se atopa o 'district heating' do campus de Pontevedra, financiado nun 80% polo Inega.
David Álvarez, vicerreitor de Infraestruturas, Enerxía e Mobilidade da UVigo, recolleu o distintivo para a planta de produción e distribución de calor a partir de biomasa. Esta instalación, construída no campus pontevedrés no ano 2020, dá servizo á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e ao edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública.
O recoñecemento pon en valor unha planta cunha potencia de 2 megavatios que evita a emisión de preto de 245 toneladas de CO2 á atmosfera cada ano. Inaugurada a comezos de 2021, a construción desta rede foi financiada nun 80% polo Inega, ao abeiro dunha convocatoria de axudas para proxectos de eficiencia enerxética nas universidades públicas, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia.
A entrega deste distintivo, outorgado a preto de 30 empresas, institucións e entidades, verase sucedida proximamente pola colocación no campus dun cartel que identifica estas instalacións.




