O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo celebrará o vindeiro 28 de outubro a IV Asemblea Anual CIMentos no edificio CITEXVI (Campus de Vigo). Este encontro reunirá o persoal investigador do centro para presentar os avances científicos dos diferentes grupos de investigación, intercambiar coñecementos e impulsar novas colaboracións, favorecendo a comunicación e o coñecemento mutuo entre investigadores e investigadoras de distintas áreas e etapas da carreira científica.
Ao longo da xornada, o persoal do CIM terá a oportunidade de presentar os seus avances científicos a través de comunicacións orais e paneis, coñecer outras liñas de investigación e identificar intereses comúns que contribúan a impulsar a colaboración interdisciplinaria.
Nesta cuarta edición, a asemblea acollerá tamén a entrega do Premio CIM 2026 á investigadora romanesa Liliana Rusu, profesora da Universidade Dunărea de Jos de Galați (Romanía) e referente internacional no ámbito das enerxías renovables mariñas. O galardón recoñece a súa destacada traxectoria científica e as súas contribucións á modelización das ondas e á avaliación do potencial enerxético do océano.




