O proxecto prevé a reorganización de diferentes áreas na terceira planta do hospital, sobre unha superficie de 2.344 metros cadrados, para facilitar os fluxos de pacientes e aproveitar mellor os espazos dispoñibles.
Unha das intervencións centrarase na zona de triaxe, coa creación de tres novas consultas e a separación das salas de espera xeral e de post-triaxe. Tamén se mellorarán e resituarán as consultas de psiquiatría e a súa zona de espera.
Ademais, crearase unha zona de semicríticos con catro postos na área de reanimación (REA) e reorganizaranse as consultas de COTO (cirurxía, oftalmoloxía, traumatoloxía e otorrinolaringoloxía) para ampliar o número de consultas e habilitar unha sala de espera de maior capacidade.
Transformaranse espazos existentes para crear seis novos boxes de atención, un control de enfermaría e un espazo de traballo médico. Tamén se habilitará unha área que poderá funcionar como segunda fase de Urxencias en situacións de elevada demanda, con capacidade para nove boxes adicionais e un aseo.
Finalmente, as obras permitirán mellorar as áreas de admisión e información, reforzar a confidencialidade na atención e habilitar un novo acceso de vehículos á zona de urxencias pediátricas, facilitando a chegada de ambulancias e vehículos particulares.




