No marco do proxecto transfronteirizo Bio Transfer GNP, liderado polo centro de investigación interuniversitario Ecobas, presentouse este mércores no campus de Ourense unha ferramenta baseada en intelixencia artificial. Esta iniciativa permite identificar recursos e oportunidades para impulsar a economía circular a partir de subprodutos da cadea de valor alimentaria da eurorrexión Galicia-norte de Portugal.
O proxecto Bio Transfer GNP (Rede de Transferencia Biocircular para a Valorización dos Recursos Endóxenos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal) busca impulsar a bioeconomía neste territorio, conectando centros de investigación co tecido empresarial. Participan as tres universidades públicas galegas, o Instituto Politécnico do Porto, o Instituto Politécnico de Bragança, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga), a Associação Portuguesa de BioIndústrias, o Centro para a Valorização de Resíduos e a Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia. A iniciativa arrancou en xullo de 2025 e rematará a finais de 2027, cun orzamento de 1,05 millóns de euros, financiados polo programa Interreg VI A España–Portugal (Poctep).
A ferramenta, desenvolvida por Miguel Rodríguez e Marta Senn (Grupo GEN-Gobernanza, Economía e Natureza da Universidade de Vigo), xunto con André Ribeiro e Tiago Mestrinho (do Centro de Valorizaçào de Residuos), facilita consultas rápidas sobre como valorizar recursos. "Pon a disposición pública unha guía interactiva para fomentar a sostibilidade e a innovación", sinalan os responsables, destacando que axuda a empresas e institucións a identificar oportunidades de economía circular e a transformar "descartes produtivos en novos materiais, suplementos ou fontes de enerxía".
O Mapa de Recursos e Subprodutos para a Economía Circular na Industria Agroalimentaria ofrece información detallada sobre sectores clave como o lácteo, cárnico, mariño, bebidas, froitas, verduras e aceite. A través da ferramenta, pódese coñecer información sobre volumes de produción, composición química e posibles vías de valorización de residuos e subprodutos. A consulta realízase mediante diálogo cunha IA deseñada especificamente para este fin, permitindo obter respostas claras sobre o aproveitamento de cada subproduto.
Miguel Rodríguez, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, sinala que a transición cara a un modelo produtivo circular demanda superar a dispersión informativa. A ferramenta aposta pola agregación rigorosa de datos estruturais, combinando estatística oficial con coeficientes técnicos para estimar volumes e alternativas de valorización.
A iniciativa identifica oportunidades de valorización que van máis alá do uso enerxético ou a compostaxe. Por exemplo, na industria conserveira de túnidos, a súa biomasa residual pode xerar compoñentes bioactivos como ácido hialurónico, hidroxiapatita ou hidrolizados proteicos.
A matriz multidimensional do mapa integrouse nunha contorna interactiva asistida por IA xenerativa (Google Notebook-Gemini). A ferramenta atópase na súa primeira versión beta, accesible a través da páxina web do grupo de investigación GEN, permitindo a persoal investigador, pemes e xestores públicos consultar a base de datos de xeito aberto e flexible.




