A sentenza tamén inclúe a inhabilitación para a fabricación, instalación e mantemento de ascensores e máquinas similares durante tres anos. Ademais, establece o pago dunha indemnización superior aos 150.000 euros á familia da vítima.
“"Vulneráronse de forma patente e esencial as regras técnicas básicas dunha actividade de alto risco, no ámbito dunha actividade empresarial ofrecendo e executando unha prestación técnica cualificada que requiría coñecementos e habilitación específica dos que a acusada carecía."
Os feitos probados indican que, entre xullo e outubro de 2020, a condenada, administradora única dunha empresa de construción especializada en carpinterías metálicas, aceptou o encargo de instalar un ascensor na vivenda da vítima na localidade de Pazo, en Verín. A obra executouse en outubro dese mesmo ano, a pesar de que a empresa non estaba autorizada por Industria para instalar aparellos elevadores e carecía de persoal cualificado.
A instalación realizouse sen observar a normativa específica, prescindindo de importantes normas de seguridade, como a falta dun sistema permanente de seguridade na porta de piso, o que permitía que esta se abrise sen que a cabina estivese na planta. O ascensor tampouco estaba homologado, carecía de documentación técnica e de marcado CE, e non estaba inscrito no Rexistro de Aparellos Elevadores da Consellería de Industria.
O 26 de novembro de 2020, sobre as 19:46 horas, a vítima dispúñase a acceder ao ascensor cando a porta se abriu irregularmente na planta alta sen que a cabina estivese presente. O home caeu polo oco e faleceu o 24 de xuño de 2021 como consecuencia da caída.




