Xoán-Xil López inaugura en Santiago unha exposición sobre sons da natureza e o órgano

O artista sarriao presenta 'Organscape' na igrexa da Universidade de Santiago, explorando a mímese musical da paisaxe sonora.

Imaxe dun micrófono nun podio nunha igrexa, con tubos de órgano históricos ao fondo.
IA

Imaxe dun micrófono nun podio nunha igrexa, con tubos de órgano históricos ao fondo.

O artista, compositor e investigador de Sarria, Xoán-Xil López, inaugurou este mércores en Santiago de Compostela a exposición Organscape. Estudos de ornitoloxía mecánica e variacións miméticas, que explora a relación entre os sons da natureza e o órgano.

A mostra, que estará aberta ao público ata o vindeiro 7 de maio na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela (USC), articúlase arredor de dous eixos principais que, segundo a USC, “conviven e dialogan”. Por unha banda, preséntase a instalación Organismo, unha serie de autómatas deseñados para emular sons asociados ao mundo natural. Pola outra, exhíbense as Variacións miméticas, pezas musicais concibidas para órgano.
Estas composicións teñen a súa orixe en gravacións de campo realizadas en diversas localizacións, as cales foron transformadas en parámetros musicais e adaptadas ás características dun órgano construído por Manuel Sanz entre os anos 1800 e 1802, que se atopa precisamente na igrexa universitaria.

"Convídannos a escoitar o mundo de forma diferente ao que habituamos."

Ana Cabana · Vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC
A exposición foi inaugurada polo propio artista sarriao nun acto ao que asistiron tamén a deputada provincial Natividad de Jesús González e a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana. Esta última subliñou a capacidade da mostra para “escoitar o mundo de forma diferente”.
Organscape xorde da mímese musical da paisaxe sonora e afonda no estudo dos rexistros especiais que algúns órganos incluían para imitar sons paramusicais, como o canto dos paxaros. López explica que o obxectivo non é acadar unha imitación fiel, senón buscar o esbozo de certas características acústicas do material evocado, creando unha tensión entre a utopía e a distopía a partir dos nexos entre arte e tecnoloxía.
A mostra inclúe tamén outros traballos relacionados con Organscape, bocetos e obxectos do proceso creativo, así como unha selección de fondos da biblioteca da universidade compostelá vinculados ao proxecto. Esta iniciativa, creada por Xoán-Xil López en 2020 para a igrexa da USC na Praza de Mazarelos, regresa agora ás súas orixes tras incorporar novos elementos e ser exhibida en países como Austria, Suíza, Francia e Canadá. A exposición pode visitarse de martes a venres, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas.