O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución dunha convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que busca dinamizar e certificar as prazas de abastos galegas. Un total de 31 concellos e 10 asociacións beneficiaranse destas axudas, que suman máis de 2,3 millóns de euros e se distribuirán entre as anualidades 2026 e 2027.
As achegas, cunha intensidade do 80% das actuacións subvencionables, promoven o mantemento e mellora dos mercados que xa posúen o selo 'Mercado Excelente'. Tamén apoian medidas de diagnose, formación e rehabilitación para aqueles que aspiran a obtelo, ademais de iniciativas de dinamización e fidelización da clientela.
No caso dos municipios, o valor total das achegas concedidas ascende a 2,2 millóns de euros. Resultaron beneficiarios 16 concellos da provincia de Pontevedra, 11 da Coruña, 3 de Lugo e 1 de Ourense. Os municipios sen o selo poderán sufragar actuacións previas para acadalo, como a actualización da diagnose, a formación do persoal ou a elaboración de documentación técnica. Neste apartado son 27 os municipios beneficiarios.
Os concellos con mercados que xa teñen o distintivo poden recibir apoio para actuacións de acondicionamento, mellora de servizos ou formación. Catro municipios beneficiáronse neste apartado.
Para as asociacións de prazas de abastos, as axudas suman 104.490 euros, destinadas a dinamización comercial, fidelización e mantemento de páxinas web. Das 10 entidades beneficiarias, 8 son da provincia de Pontevedra, 1 da Coruña e 1 de Ourense.




