A cidade de Pontevedra acollerá do 28 ao 30 de outubro as VII Xornadas da Asociación Española de Leguminosas (AEL). Estes encontros desenvolveranse baixo o paraugas do Congreso “Alimentación, Agricultura e Medio Ambiente”, unha iniciativa promovida pola AEL coa colaboración da Sociedad de Ciencias de Galicia (SCG), o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) a través da súa Delegación en Galicia e da Misión Biológica de Galicia (MBG), ademais da Deputación de Pontevedra. O evento conta co patrocinio de ENCE. Energía y Celulosa e a Conexión REGEN do CSIC.
O profesor de investigación ad honorem do CSIC e coordinador do evento, Antonio De Ron Pedreira, destacou os obxectivos do congreso: "Pór en valor o papel das leguminosas en sectores clave como a agricultura, a alimentación humana e animal e o medio ambiente". Subliñou as vantaxes destes cultivos, que melloran a alimentación e a saúde, impulsan a sustentabilidade agrícola e contribúen á protección ambiental e á mitigación do cambio climático.
O congreso está dirixido a un amplo espectro de profesionais, incluíndo científicos e técnicos do sector público e privado, profesores, estudantes e o sector empresarial. O prazo de inscrición, aberto desde maio, mantense activo ata o día anterior á celebración, e xa se alcanzaron 50 inscricións, cunha resposta que, segundo De Ron, adoita ser tardía nestes eventos científicos.
A organización conta coa xestión administrativa e financeira da SCG, o apoio na difusión do CSIC, a MBG e a Deputación de Pontevedra, que tamén participan nos comités científico e organizador. O patrocinio de ENCE e a Conexión REGEN do CSIC achegan un importante soporte financeiro.
O programa deseñouse a partir de comunicacións recibidas, e incluirá sesións sobre Recursos Xenéticos, Xenética e Mellora Vexetal, Agronomía, Alimentación Humana e Animal, Estrés Biótico e Abiótico dos Cultivos e Medio Ambiente, ademais dunha sesión especial sobre Innovación e Transferencia.
De Ron Pedreira resaltou o crecente interese nutricional das leguminosas pola súa alto contido proteico e o seu papel na alimentación humana e animal. A investigación actual céntrase na agricultura sostible, a resistencia xenética a pragas e enfermidades, e a fixación biolóxica de nitróxeno atmosférico, que reduce a necesidade de fertilizantes e o impacto ambiental.
A organización do evento comezou hai aproximadamente un ano. A resposta internacional, con participantes de Portugal, Estados Unidos, Chile e Costa Rica, é un dos aspectos máis gratificantes. A publicación dixital das actas, dispoñible on-line, é un dos retos organizativos máis complexos.
Espérase que o congreso xere interaccións positivas entre científicos, técnicos e o sector produtivo, e que dea lugar a novas cooperacións e proxectos para o futuro das leguminosas.




