O proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» participará en EDUGAL 2026, o Salón da Oferta de Educación e Formación de Galicia, que terá lugar do 21 ao 23 de outubro no Recinto Feiral de Pontevedra. A iniciativa contará cun stand propio desde o que achegará ao alumnado, aos centros educativos, ás familias e ao público xeral as posibilidades de formación e emprego que ofrece o sector marítimo-pesqueiro galego.
Esta iniciativa de cooperación dos oito GALP galegos, coordinada polo GALP Ría de Arousa en colaboración co GALP vasco Itsas Garapen Elkartea e financiada pola Consellería do Mar no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), busca conectar o sector coa comunidade educativa e visibilizar as oportunidades laborais para a mocidade.
Ao longo dos tres días, o stand ofrecerá información sobre distintas formacións, desde a FP e a FP Dual ata acreditacións específicas, co obxectivo de amosar a diversidade de perfís profesionais e facilitar a toma de decisións académicas e laborais.
Ademais, haberá recursos audiovisuais e interactivos, incluíndo unha pantalla vertical para vídeos do proxecto e experiencia de realidade virtual grazas á colaboración da OPP 20 da Illa de Arousa.
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez Suárez, visitará o stand o xoves 22 de outubro ás 10:00 h, para coñecer a iniciativa e destacar a importancia de promover o relevo xeracional.




