A central sindical CC.OO. manifestou este mércores a súa desconformidade coa decisión da CIG de convocar unha folga no sector do comercio do metal na provincia de Pontevedra. Segundo CC.OO., esta convocatoria, prevista para o vindeiro 7 de maio, foi adoptada de forma unilateral e sen o consenso do resto das organizacións sindicais que participan na mesa de negociación do convenio.
“"Este tipo de actuacións non axudan a reforzar a loita colectiva, senón que fomentan a división e restan eficacia ás reivindicacións do sector."
Nun comunicado, CC.OO. cualificou a postura da CIG como unha “grave falta de respecto” cara ás demais centrais e aos propios traballadores. Sinalaron que esta decisión rompe a estratexia de unidade sindical que se mantivo ata o momento con CC.OO. e UXT, e que debilita a posición da clase traballadora, xerando incerteza nun momento crítico das negociacións.
CC.OO. instou á CIG a reconsiderar a súa postura e a retomar a senda da unidade, considerándoa a única vía efectiva para defender con garantías os dereitos laborais do sector. A data da folga coincide coa xa convocada pola CIG para a industria do metal na mesma provincia.




