Estas adquisicións, froito do compromiso da Deputación de Pontevedra coa arte contemporánea, buscan enriquecer os espazos públicos e museísticos da capital. Dúas das pezas foron instaladas recentemente na Illa das Esculturas, mentres que as outras dúas se integran nas coleccións do Museo de Pontevedra.
“"A pegada da Bienal debe ser permanente."
O comisario da Bienal, Antón Castro, manifestou dende o inicio a súa intención de que a recuperación do evento, tras quince anos de ausencia, servise para dotar á cidade de novas expresións artísticas. Esta visión foi compartida pola dirección do Museo, que subliñou a importancia de proxectos que perduren máis aló dunha celebración puntual.
“"A súa permanencia recórdanos que este é un proxecto que aspira a perdurar e que vai máis alá dun evento puntual. Bienal e Illa son dous proxectos únicos que fan de Pontevedra unha cidade onde a arte contemporánea e a cidadanía se atopan sen intermediarios."
Entre as obras incorporadas, atópanse as de Soledad Penalta e Idoia Cuesta na Illa das Esculturas, e as de Wardha Shabbir e Almudena Fernández no Museo de Pontevedra. A peza de Almudena Fernández, titulada Flor de seis pétalos, sitúase no patio interior do edificio Castelao e reflexiona sobre a crise ecolóxica e a guerra. Pola súa banda, Resiliencia de Wardha Shabbir é unha escultura que explora a experiencia feminina e a capacidade de dar vida.
A obra de Soledad Penalta, Mirando inacabable, con doce toneladas de silencio, conéctase co lema da Bienal, Volver a ser humanos ante a dor dos demais, mentres que O peso da memoria de Idoia Cuesta, unha pedra de granito de máis de tres metros, evoca a carga dos refuxiados de guerra.
A integración de obras da Bienal no patrimonio da cidade non é unha novidade. En 1988, a edición dedicada ao granito deixou pezas como Os meus sofás de Francisco Leiro e Mirador de granito de Tom Carr. A Pirámide de Dan Graham, tamén xurdida daquela edición, foi recuperada en 1999 para a Illa das Esculturas.




