O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou a importancia da cita, que tamén acolle o 7º Congreso sobre auga e saúde, como unha oportunidade para potenciar o sector termal galego a nivel internacional. Subliñou a colaboración público-privada como ferramenta para dinamizar o rural, xerar emprego e fixar poboación na comunidade.
Acompañado por directivos da Xunta de Galicia, o conselleiro lembrou que Galicia é o principal destino termal de España e que Ourense se sitúa como referencia neste eido. Destacou as accións da Xunta para consolidar o sector como motor económico e ferramenta de desestacionalización turística, incluíndo o apoio a experiencias termais e a recuperación de balnearios.
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, puxo en valor o liderado de Galicia como "a primeira potencia termal de España e o segundo destino europeo con maiores reservas de augas mineromedicinais", cun sector que conta con máis de 20 balnearios e representa o 20 % da oferta nacional. Subliñou que estes recursos son un activo patrimonial, natural e cultural fundamental para a promoción de Galicia e, especialmente, da provincia de Ourense.
O director lembrou o compromiso estratéxico da Xunta co sector a través do Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028. Segundo indicou, Termatalia é clave para "afianzar as bases dunha oferta sostible, rendible e innovadora" e captar operadores, nun segmento que en 2025 xerou en Galicia 232.000 turistas e 74,6 M€ de gasto.
No eido laboral, José González sinalou o termalismo como unha actividade que combina tradición e modernidade, xerando oportunidades e sinerxías. Apuntou que o Goberno galego aposta polo contacto constante cos axentes implicados para promover o emprendemento e un mercado laboral dinámico e inclusivo. Tamén se referiu ao futuro Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029.
O titular de Emprego celebrou o regreso de Termatalia a Ourense, confirmando o atractivo do recinto feiral de Expourense, que en 2025 superou as 111.000 visitas, consolidándose como referente pola súa capacidade de atracción de eventos.




