A cidade de Ourense está a vivir un inicio de outono atípico, con temperaturas que superan amplamente os 38 graos. A marca de 38,4ºC rexistrada este mércores sitúa á capital ourensá entre os puntos máis calorosos do país, superada unicamente por Badaxoz e Montoro (Córdoba).
Esta situación non é un feito illado. Nos últimos tres días, as máximas en Ourense mantivéronse por enriba dos 38 graos, chegando a alcanzar os 38,5ºC o luns e o martes. Estes valores representan as temperaturas máis altas xamais rexistradas na segunda quincena de setembro na cidade, e o luns foi a máxima de toda Europa.
Esta semana atípica aseméllase máis ás xornadas de pleno verán de xullo ou agosto. O fenómeno é resultado dunha deriva progresiva de quecemento que está a bater récords de forma continua. Xa en xuño de 2025, a media das máximas foi de 32,1ºC, batendo a súa marca particular. Agosto de 2025 converteuse no mes máis caluroso da historia da cidade con 35,35ºC, récord que foi superado en xullo deste ano con 35,49ºC.
Setembro tamén se encamiña a romper precedentes históricos. Ata a data, a temperatura máxima media do mes era de 32,1ºC no 2018, e agora a media roza os 34ºC. Só en catro días non se alcanzaron os trinta graos, e en doce superáronse os 35 graos, unha situación que se prevé que continúe hoxe segundo os prognósticos.




