A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, impulsa a oratoria en galego entre a mocidade coa programación do Ano Oteriano. O secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou a vixencia do legado de Ramón Otero Pedrayo e a calidade dos traballos gañadores, que demostran a valía do galego nas novas formas de comunicación como os pódcast.
O Goberno galego apoia estas iniciativas como parte da súa estratexia lingüística para prestixiar o idioma nas plataformas de maior presenza xuvenil, en liña co novo Plan xeral de normalización da lingua galega. García subliñou que o certame forma parte da conmemoración do Ano Oteriano, á altura da relevancia do intelectual galeguista.
O primeiro premio foi para o traballo Ave Pedrayo II, do colexio Santa Teresa de Jesús-Carmelitas de Ourense. O segundo galardón recaeu en Don Ramón, do instituto Otero Pedrayo, e a terceira distinción foi para Samuel Barreiro, do centro escolar María Auxiliadora.
O certame, convocado pola Asociación de Amigos de Otero Pedrayo en colaboración coa Secretaría Xeral de Lingua, Coren e a Fundación Otero Pedrayo, está dirixido a estudantes galegos de entre 15 e 25 anos. Os pódcast debían versar sobre temas vencellados ao universo oteriano.




