A Policía Local de Ourense conta desde este luns con seis novos vehículos, froito dun investimento municipal que ascende a case medio millón de euros. Esta adquisición, que se realiza mediante un contrato de aluguer (renting) por un período de catro anos, busca modernizar a frota sen ampliar o número total de unidades.
O custo total da operación é de 494.513,28 euros, o que supón un desembolso anual superior aos 123.600 euros. Dúas empresas foron as encargadas de facer posible esta renovación: Fraikin Assets, provedora dos vehículos, e TSD International, responsable da adaptación das unidades para o seu uso policial.
Os novos modelos están equipados cun inventario táctico completo, que inclúe doce cascos de protección, seis escudos policiais, etilómetros de mostraxe e sistemas de control con rastros punzantes. O deseño interior optimiza o espazo do maleteiro para organizar material de emerxencia como mantas térmicas, extintores e cordas de rescate. Ademais, cada unidade dispón dun kit de detidos e tecnoloxía de gravación con cámaras frontais e traseiras. Como novidade destacada no equipamento médico, incorporáronse desfibriladores externos semiautomáticos (DEA).




