Unha decena de responsables dos Servizos de Urxencias Hospitalarias (SUH) subscriben o escrito, no que reprochan á Consellería de Sanidade a "falta de resposta" e os "nulos avances" a pesar das reiteradas advertencias realizadas nos últimos meses sobre a situación que atravesan estes servizos.
“"Non podemos permitir que os verdadeiros garantes da accesibilidade e a equidade do sistema sanitario público volvamos a ser discriminados."
Un dos aspectos que máis preocupa aos coordinadores é o suposto bloqueo de contratación de facultativos por parte das xerencias sanitarias, que, segundo denuncian, dependen da autorización directa da Consellería de Sanidade. Esta situación chega ás portas do verán, cando a presión asistencial aumenta notablemente polo incremento de poboación debido ao turismo e as vacacións, podendo duplicar o número diario de pacientes.
Os responsables de Urxencias valoran positivamente as melloras laborais acadadas recentemente polos profesionais de Atención Primaria, pero esixen que esas condicións tamén se apliquen aos facultativos dos SUH. Consideran que traballan nunha situación de inferioridade laboral e económica, a pesar de soportar unha elevada presión asistencial e asumir gardas continuadas.
O comunicado tamén pon o foco nas deficiencias tecnolóxicas do sistema sanitario galego. Os coordinadores aseguran que levan máis de 15 anos reclamando ferramentas informáticas que permitan garantir a trazabilidade e o seguimento de pacientes dentro de Urxencias, o que supón un "grave problema de seguridade clínica", especialmente en servizos con máis de 200 pacientes simultaneamente. Critican o desenvolvemento de novas aplicacións, como IANUS 5, a nova historia clínica electrónica do Sergas, que "non está pensada para a atención urxente hospitalaria".
O escrito fai especial referencia á situación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, onde os coordinadores cualifican o escenario actual de "dramático". Denuncian que o servizo conta unicamente co 40% dos médicos necesarios, o que provoca un importante desgaste entre os profesionais. Os asinantes fan un chamamento conxunto a administracións e responsables sanitarios para buscar solucións inmediatas, apelando a que "todos, sen excepción, arrimen o ombreiro" para garantir a continuidade e calidade da atención sanitaria en Galicia.




