A sesión extraordinaria estivo presidida por José Santiago Camba Bouzas, presidente do Padroado e xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, e Carmen García Mateo, reitora da Universidade de Vigo. Tamén asistiron a xefa territorial de Sanidade, Laura López del Castillo; Josefa Rodríguez Araujo e Verónica Civeira Pérez, directora e subdirectora de Enfermería da Área Sanitaria; Dolores Durán Oreiro, directora de Recursos Económicos; e María Reyes Pérez Fernández e José Blanco Alonso, representantes do profesorado e alumnado da Escola. O subdirector de Recursos Humanos, Eduardo González Gil, exerceu como secretario accidental. Acompañaron á reitora María Montserrat Cruz González, vicerreitora do Campus de Ourense, e Esther María Pillado González, vicerreitora de Oferta Académica.
O acordo do Padroado, que contou co voto favorable de todos os membros agás unha abstención, foi ratificado pola reitora da Universidade de Vigo, con efecto desde o 13 de novembro. A nova directora, que xa mantén unha relación de máis de dúas décadas co equipo docente como profesora colaboradora a tempo parcial, presentouse hoxe ao persoal.
Beatriz Rosa Sánchez López posúe unha extensa formación e experiencia docente e profesional, vinculada ao Hospital Universitario de Ourense. É Doutora cum laude en Enfermería pola Universidade de Santiago de Compostela, Licenciada en Enfermería Clínica pola Escola Superior de Enfermería da European University de Barcelona, e especialista en Enfermería Pediátrica. Ademais, conta cun Máster en Atención Sanitaria, Xestión e Coidados pola Universidade de Santiago e é Diplomada en Deseño e Estatística en Ciencias da Saúde pola Universidade Autónoma de Barcelona.
No ámbito da xestión e dirección, Sánchez traballou como supervisora en diferentes etapas nas áreas de formación continuada, calidade asistencial e recursos materiais, participando en numerosos proxectos de investigación e publicacións.
A súa traxectoria docente na Escola Universitaria de Enfermería de Ourense comezou en 1989, exercendo como profesora colaboradora entre 1989 e 1995, e de novo entre 1996 e 2012, impartindo docencia en materias como Enfermería Fundamental, Administración de Servizos de Enfermería e Calidade Asistencial. Entre 2008 e 2011, representou ao profesorado no Padroado e na Xunta da Escola. Tamén impartiu e coordinou cursos de coidados auxiliares de enfermería en xeriatría e de atención socio-sanitaria.




