A conferencia, coordinada polo Museo Arqueolóxico de Ourense, tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel. A relatora, unha experta en tardoantigüidade e altomedievo adscrita á Escola de Estudos Árabes de Granada, abordou o concepto de “arquitectura medieval” e os seus límites xeocronolóxicos a nivel peninsular, autonómico e provincial.
“"A arqueoloxía da arquitectura é unha metodoloxía que nos permite entender en que momentos se fundaron os edificios, como evolucionaron, que secuencia encerran e, sobre todo, deixar de entendelos estritamente como monumentos para entendelos como un obxecto que ten un contexto que á súa vez actúa como un importante condicionamento interpretativo á hora de estudalo e actuar en favor da súa preservación."
A especialista tamén fixo fincapé nos avances da ciencia arqueolóxica, subliñando a crecente interdisciplinaridade do campo en España. Mencionou o uso de técnicas que permiten datar con diferentes tipos de análises e caracterizar materiais que antes non eran accesibles. Ademais, destacou procedementos que posibilitan o estudo do territorio sen necesidade de escavación, grazas a melloras en xeofísica e xeorradar.
“"Para que este traballo cumpra o seu propósito, é clave que a xente, desde idades temperás, coñeza os valores da súa contorna, porque só así estará en condición de preservalo; ninguén defende o que non recoñece como algo propio."