A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde, publicou a adxudicación dun contrato por importe de 2.115.697 euros para o subministro sucesivo de implantes de columna destinados á área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
O contrato, distribuído en 19 lotes, foi adxudicado ás empresas Medtronic Ibérica S.A., Orto-Arins S.l.U. e Prim S.A. Terá unha duración inicial de 2 anos, con posibilidade de prórroga por 24 meses máis. Inclúe a adquisición de máis de 7.700 unidades, como conectores, barras, mallas e parafusos.
Este material sanitario será empregado en intervencións cirúrxicas de columna para corrixir anomalías estruturais, substituír partes danadas e aliviar a dor do paciente. As lesións de costas e columna son un problema crecente debido á idade, accidentes, sobreesforzos e malas posturas.
A cirurxía de columna permite descomprimir, mobilizar elementos, fixar estruturas vertebrais e substituílas, deseñándose segundo a patoloxía do doente para recuperar estabilidade ou corrixir a aliñación das vértebras por procesos dexenerativos, postcirúrxicos, conxénitos ou traumáticos.




