O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe un establecemento de Bermello Electrodomésticos en Ourense, onde destacou que as pequenas e medianas empresas son potenciais beneficiarias dos apoios previstos no Plan Integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029.
O plan prevé o reforzo da dotación de medios humanos e técnicos do Issga para convertelo no organismo de referencia na execución de medidas de prevención e benestar. Este reforzo suporá o vindeiro ano un investimento adicional de máis de 1,2 millóns de euros, froito do acordo acadado no marco do Diálogo Social entre a Xunta, a patronal CEG e o sindicato UGT-Galicia.
O conselleiro lembrou que o documento fortalece os instrumentos de apoio a pemes, microempresas e persoas traballadoras autónomas, con medidas como o programa Coida Peme, que achegará fondos para a contratación de servizos de atención psicolóxica e musculoesquelética.
Tamén se contempla formación para equipos directivos e mandos intermedios, a difusión de guías para o fomento da flexibilidade na organización do traballo, e apoios a microempresas e autónomos durante baixas de longa duración para facilitar a substitución e a reincorporación saudable.
Ademais, anunciou un mecanismo piloto de acompañamento á reincorporación, coa figura dun coordinador voluntario, e a nova Fiestra Única Galega de Saúde Laboral e Apoio á Reincorporación Saudable, un servizo público gratuíto orientado a pemes, microempresas e autónomos.
José González tamén felicitou a Bermello Electrodomésticos por ser finalista dos Premios do Comercio Galego 2026 na categoría Traxectoria, polos seus 90 anos de historia e adaptación aos novos tempos.




