A Deputación da Coruña prevé investir no municipio de Noia preto de 2 millóns de euros en 2026 a través do Plan Único. A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios, Cristina García Rey, acompañada pola deputada provincial Sol Agra e o alcalde, Francisco Pérez, visitou a localidade para coñecer de primeira man as actuacións financiadas con cargo a este programa provincial.
Durante a visita, García Rey destacou o apoio económico que a Deputación presta ao Concello de Noia, permitindo aos municipios dispoñer de recursos para impulsar investimentos e atender as súas necesidades de gasto con maior capacidade de planificación e autonomía. As previsións actuais indican que Noia contará en 2026 con 1.990.368,38 euros procedentes do Plan Único.
A deputada provincial tamén puxo en valor a evolución do financiamento destinado a Noia desde a posta en marcha do Plan Único, cualificándoo como "unha ferramenta fundamental para os concellos da provincia, ao proporcionarlles estabilidade financeira e permitirlles definir as actuacións prioritarias en función das necesidades de cada territorio". Dende 2017, o municipio acumula un total de 10.306.169,27 euros, unha vez incorporadas as novas achegas previstas.
García Rey incidiu en que o modelo de cooperación da Deputación "contribúe a facilitar a mellora das infraestruturas e dos servizos municipais, ao tempo que reforza a capacidade dos gobernos locais para decidir sobre o destino dos recursos". Subliñou ademais o compromiso da institución provincial cun sistema de financiamento baseado en criterios obxectivos e igualitarios para todos os municipios.




