O acordo permitirá transformar un local na rúa Virxe do Loreto, no centro urbano de Noia, nunhas novas instalacións de 890 metros cadrados útiles. O orzamento total da intervención ascende a 545.600 euros.
As novas dependencias incluirán unha zona de recepción, dous obradoiros de rehabilitación psicosocial e laboral con tenda, área de arquivo, despachos de administración, dirección e atención psicolóxica, ademais de salas de instalacións e aseos adaptados.
O traslado dende o polígono industrial de Augalevada ao centro da vila facilitará o acceso a pé e en transporte público para os usuarios de Noia e das comarcas de Muros e Barbanza.
Con este novo espazo, a asociación A Creba reforzará a súa atención diúrna, que conta con 40 prazas autorizadas e concertadas co SERGAS. O centro continuará coas accións de rehabilitación cognitiva, conductual e ocupacional a través de obradoiros de encadernación, coiro, cerámica e tecnoloxías da información, ademais de ofrecer servizos de transporte adaptado, orientación familiar e programas de integración social.




