O Consello da Xunta aprobou os resultados da primeira fase do concurso público de venda e concesión de dereitos de superficie de parcelas, deseñado pola Consellería de Economía e Industria a través de Xestur. Esta iniciativa busca axilizar a implantación de novas industrias en Galicia.
O concurso mobilizou case 240.000 metros cadrados de superficie. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, destacou que a convocatoria supón a maior adxudicación de solo industrial da última década.
A convocatoria, posta en marcha en abril, incorporou novas condicións de acceso ao solo e fórmulas de comercialización máis flexibles, ademais de reforzar mecanismos para garantir o destino produtivo do solo público. As novas medidas antiacaparamento limitaron o acceso a empresas que non cumpriran compromisos anteriores e esixiron que os proxectos se poñan en marcha nun prazo máximo de tres anos e se manteñan polo menos unha década.
Por provincias, Lugo concentra o maior número de predios adxudicados, con 44 parcelas e unha superficie de 128.782 m². Seguen a Coruña, con 32 parcelas (44.057 m²), Ourense con 11 (34.976 m²) e Pontevedra con tres (31.901 m²).
A Consellería de Economía e Industria puxo en marcha un novo concurso público de venda e concesión de dereitos de superficie de 357 parcelas de solo empresarial de titularidade autonómica, que suman preto de 800.000 m². A resolución íntegra do concurso e a relación de parcelas vacantes publicaranse na páxina web de Xestur, onde as empresas poderán presentar solicitudes de adxudicación directa.




