O delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe na presentación do “IV Congreso galego de persoas con cancro e familiares”, organizado pola Asociación Española contra o Cancro en Lugo. O evento terá lugar no auditorio Fuxan os Ventos o próximo día 14 de novembro.
Villares gabou o compromiso da entidade coa atención transversal aos enfermos e o seu entorno. Referiuse a algunhas das últimas medidas que desenvolve a sanidade pública galega e subliñou que “grazas ao traballo conxunto avanzamos nun modelo de coidados integral e personalizado, promovemos a prevención e reforzamos o apoio á investigación”.
No congreso participarán máis dunha vintena de expertos e representantes dos pacientes. Abordarán novos tratamentos, efectos secundarios ou o impacto no ámbito laboral, entre outros aspectos. Tamén haberá talleres sobre exercicio físico, sexualidade e cancro, coidadores e nutrición.
A inscrición é gratuíta e pode formalizarse a través da web do evento.




